Thursday 18 de April de 2024

O Goberno local aproba o convenio de cesión da parcela da futura residencia de maiores de Fontiñas


A Xunta de Goberno aprobou hoxe o convenio de cesión á Xunta dunha parcela de titularidade municipal de Fontiñas para a construción dunha residencia de persoas maiores. O alcalde, Martiño Noriega, adiantou que a sinatura do acordo está prevista para o próximo luns.

O alcalde, Martiño Noriega, e o conselleiro de Políticas Sociais, José Manuel Rey Varela, asinarán o próximo luns o convenio de cesión da parcela na que a Xunta se comprometeu a construír unha nova residencia para persoas maiores. Os terreos que achegará o Concello están situados no barrio de Fontiñas, ao carón da futura ludoteca María Miramontes. Trátase dunha parcela dalgo máis de 3.000 metros cadrados, con capacidade para a construción dun centro cunha capacidade de 120 prazas.

Ampliación de prazo nas ARIS
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a modificación das bases reguladoras da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas Áreas de Rehabilitación Integral. O obxectivo da modificación é ampliar o prazo para que as comunidades beneficiarias das axudas poidan rematar e xustificar as obras. Inicialmente ese prazo remataba o 15 de novembro de 2018, e co acordo adoptado hoxe o trámite poderase cumprimentar ata o 15 de novembro de 2019.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que “o obxectivo é garantir que as comunidades de propietarios non perdan os fondos consignados polo Ministerio de Vivenda a Compostela, e que ascenderon a 1,4 millóns de euros en 2018”.

Convenios
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se lle deu luz verde a varios convenios con entidades de tipo deportivo e de tipo social. Así, aprobouse o acordo co Club Atletismo Fontes do Sar, por un importe de 12.000 euros; a Federación Galega de Judo, por 6.000 euros; e a Federación Galega de Baloncesto, por 10.000 euros. Do ámbito social, aprobáronse os convenios coa Asociación Fonte da Virxe de familiares e amigos de persoas con enfermidades mentais, cunha achega municipal de 3.500 euros; a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, por 3.000 euros; a ASPANAES, por 3.000 euros; a Fundación Down Compostela, que recibirá 10.000 euros; e a Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer, por 3.000 euros.